10/6/13

COLASHME, nuevo agregador social gallego

"Tras un período prudente de probas, Antonio Mariño e Ángel Folgueira, creadores da rede social galega Cabozo, presentan oficialmente Colashme, un gran escaparate virtual para a agregación e promoción social de contidos en Internet a través de fotografías, debuxos, infografías e vídeos. 

Esta nova plataforma web, independente de Cabozo e tamén de orixe e desenvolvemento galego, pretende posicionarse como referente no eido dos medios sociais no Estado.

Colashme é un gran collage social, un escaparate visual de información, unha nova ferramenta colaborativa para compartir imaxes independentes ou vinculadas a contidos. Este agregador social pode converterse na forma máis visual de seguir a actualidade, pero tamén se presenta como unha boa ferramenta para o marketing online, para a promoción de produtos e servizos, ademais de ser unha boa plataforma para xerar máis tráfico a páxinas web ou blogs e difundir contidos propios.

Colashme vén a rachar coa ética intelectual da web social que impera, co dominio e control consentido que exercen sobre os usuarios redes sociais masivas como Facebook, Twitter ou Google+, a través dos rexistros de usuarios e do feedback que cada un lles proporciona con cada clic e cada interacción,  que permiten segmentalos e controlar os seus usos e comportamentos nestes entornos para vender a posteriori a anunciantes e investidores nichos de mercado e investigar e experimentar novos modelos de negocio.

Con Colashme o usuario pode compartir os contidos máis interesantes que atopa en Internet a través das súas imaxes, sen ceder datos persoais, sen subir arquivos, sen ter que entrar a Colashme por portas con candados nin contrasinais, e con só dous clics. 

A sinxeleza do seu uso e a súa proposta aberta, sen barreiras, de acceso libre, sen os molestos rexistros ou sen necesidade de convite ou de ceder datos persoais, garantizando o anonimato, fan deste novo agregador unha proposta innovadora no eido dos medios sociais.

Colashme é unha ferramenta disruptiva que ademais non alimenta egos nin líderes de opinión (influencers), pois os contidos son valorados polo seu propio peso e interese social e non pola identidade e influencia de quen os comparten nin pola de quen lles deron os seus votos, xa que estes son datos anónimos. 

Colashme prima a calidade dos propios contidos (noticias, fotos, vídeos...) e, en boa medida, o impacto visual das imaxes que os acompañan.

Deste xeito, Colashme cumpre co ideal de horizontalidade e democratización na Rede contra as xerarquías entre usuarios que se impuxeron en redes sociais de uso masivo como Twitter, Facebook ou Google+, onde o poder de influencia dos líderes de opinión e grandes medios de comunicación determina en grande medida o potencial viral e éxito na redifusón dos contidos.

Ademais, Colashme non compite co servizo de comentarios propio de cada medio, xa que carece del.

Uso de Colashme

Colashme foi desenvolvido para ser usado co navegador Google Chrome. Os seus creadores asumen que "talvez este sexa un pequeno hándicap, ao limitar o seu uso a este navegador, aínda que a súa penetración é cada vez maior e xa é un dos navegadores máis populares en todo o mundo e, seguramente, o mellor para integrar extensións como a que se necesita para agregar contidos en Colashme".

Para poder empezar a compartir contidos en Colashme hai que descargar a súa extensión para Google Chrome.

Unha vez instalada, basta con só dous clics para compartir contidos. O único que hai que facer é situar o cursor sobre a imaxe elixida e premer no botón dereito. Logo, se selecciona a extensión de Colashme e nas opcións que se despregan escóllese a categoría á que queremos enviar a imaxe, que se publicará en Colashme co titular orixinal e a ligazón á fonte orixinal da que foi obtida. 

Feito isto, veremos unha mensaxe de confirmación de envío nunha fiestra emerxente. Para enviar vídeos dende plataformas como YouTube faremos o mesmo, pero en lugar de situar o cursor sobre unha imaxe temos que facelo sobre unha zona en branco na pantalla.

Para explorar os contidos na plataforma Colashme só temos que facer clic en cada imaxe e abrirase unha fiestra emerxente para vela máis grande, obter información e poder interactuar. Os autores apostaron por incluír:
  • Ligazón á fonte orixinal
  • Data na que se compartiu a imaxe
  • Ligazón a outras imaxes da mesma categoría
  • Botóns de Twitter, Facebook e Google+ para compartir
  • Un permalink á imaxe en Colashme
  • Sistema anónimo de voto positivo/negativo para xerarquizar os contidos.
  • Un botón para denunciar algunhas imaxes inapropiadas.
Colashme filtra pasando á sección 'Populares' os 32 contidos máis interesantes do momento, contando o número de clics nas ligazóns e votos positvos que reciben. A páxina 'Populares' é a principal e a de maior visibilidade/difusión de Colashme. 

Aquí poden manterse ata cinco días dependendo do apoio social que teñan.Os contidos con máis votos negativos irán a 'Impopulares'. 

Opcionalmente ofrécese a posibilidade de poder marcar contidos favoritos ou levar un rexistro de envíos e votos, pero para iso hai que acceder a Colashme desde unha conta de Facebook.

Os desenvolvedores de Colashme están abertos a suxerencias a través das varias fiestras abertas en Internet para contactar con eles. Pódese facer a través da súa conta en Twitter ou na súa páxina de Facebook, ademais da dirección de contacto na plataforma Colashme."      (Galicia Confidencial, 24/05/2013)

No hay comentarios: