"Arredor de 500 peóns e ciclistas falecen ao ano nas estradas españolas
en accidentes de tráfico, que provocan máis de 3000 ingresos
hospitalarios.
Son datos da Dirección General de Tráfico, DGT, organismo
dependente do Ministerio del Interior, que financiará un proxecto de
investigación saído do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Escola
Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo co
obxectivo de deseñar e desenvolver un sistema para a prevención de
atropelos en travesías e zonas próximas, mellorando así os niveis de
seguridade e reducindo a sinistralidade nas estradas.
O sistema proposto
polo grupo de investigación que lideran os profesores da Área de
Enxeñaría Cartográfica Pedro Arias e Henrique Lorenzo Cimadevilla,
supón, segundo afirman “un salto tecnolóxico substancial no sector da
seguridade viaria, permitindo obxectivar e automatizar a clasificación
de zonas potencialmente perigosas, así como os procesos de medición e
inspección de ditas zonas de risco, ao tempo que deparará un diagnóstico
preciso e fiable dos datos técnicos necesarios”.
A utilización dun sistema LiDAR móbil, que permite obter modelos
xeométricos tridimensionais dunha estrada e da súa contorna e o
desenvolvemento, a partir dos datos obtidos polo LiDAR, de algoritmos
orientados a determinar a visibilidade en zonas de travesía, permitirán,
ao abeiro deste proxecto, xerar unha cartografía adaptada a unha
condución máis segura.
Dez investigadores, un LiDAR e os algoritmos computacionais
Unha decena de investigadores da Universidade de Vigo conforman un
equipo que contará coa colaboración de responsables de Tráfico da
Guardia Civil para desenvolver un proxecto co que se pretende combater o
fenómeno dos atropelos, incrementado nos últimos tempos polo fomento da
actividade física e os estilos de vida saudables e máis recorrente en
zonas como Galicia, onde a dispersión da poboación provoca que moitos
peóns se despracen habitualmente polas beiravías e por vías cun trazado e
configuración complicados.
Para a realización do estudo os investigadores empregarán un LiDAR
móbil Optech Lynx Mobile Mapper, propiedade da Universidade, que
instalado nun furgón é quen de obter nubes de puntos tridimensionais da
contorna con gran precisión e sen interromper o tráfico.
Dotado dun
sistema GPS-inercial para definir a traxectoria do vehículo e unha
parella de sensores tipo láser escáner para obter as coordenadas
espaciais da contorna, o sistema LiDAR recollerá os datos en dúas zonas
de interese polo elevado número de atropelos de peóns e ciclistas, que
serán definidas pola Agrupación de Tráfico da Guardia Civil.
“As nubes
de puntos xeradas por un LiDAR móbil son sistemas de información masiva
que necesitan ser organizados para obter datos de utilidade para os
usuarios”, explica Higinio González investigador do grupo, que destaca
que este proxecto pretende desenvolver algoritmos de procesado
xeoespacial de datos LiDAR orientados a determinar a visibilidade en
zonas de travesía, tendo en conta o punto de vista do condutor e o
peón/ciclista e aspectos como o mobiliario urbano, a invasión da
beiravías pola vexetación ou curvas con radios de curvaturas pequenos
que dificultan a visibilidade.
Unha vez realizada a toma de datos, procederase ao desenvolver a
algorítmica necesaria para obter a información de interese para a
elaboración dos mapas de risco. Cando os algoritmos desenvolvidos sexan
validados serán integrados como procesos nun sistema informático
xeográfico no que se visualicen as zonas de risco máis importantes
referidas a atropelos e zonas próximas.
“O resultado dos xeoprocesos
será cartografía temática que será integrable nos sistemas de
información de tráfico da DGT, permitindo determinar zonas de risco e
axudando á toma de decisións sobre a necesidade de executar accións
correctoras sobre a vía, que preveñan novos accidentes”, explica Belén
Riveiro investigadora do grupo nun proxecto que permitirá xerar
cartografía adaptada a unha condución máis segura para así reducir a
sinistralidade nas estradas, debido a problemas de visibilidade e
incorrecta localización da sinalización.
As posibilidades do escaneado láser 3D en contornas reais
Aínda que o potencial do escaneado 3D en contornas reais está
demostrado, o desenvolvemento de métodos e procedementos que automaticen
o procesado dos datos de xeito que o usuario final poda acceder aos
mesmos de xeito sinxelo, segue a ser un reto.
A continuidade da liña de
investigación formulada neste traballo coa DGT cara a outras
problemáticas da contorna viaria, como por exemplo os cruces de fauna ou
a avaliación do fluxo de augas sobre a vía, formúlanse desde o grupo de
investigación da ETSE de Minas como algunhas posibilidades de futuro.
Así mesmo, este proxecto, aseguran, contribuirá ao desenvolvemento dos
estándares de dixitalización 3D a nivel mundial, unha técnica que non é
plenamente competitiva no mercado por causa do complicado procesado de
datos demandado e á falta de algoritmos que automaticen os procesos. Un
problema que cos resultados destes proxecto se pretende resolver,
facilitando así a aposta que empresas e administracións están a realizar
pola implantación da tecnoloxía LiDAR." (Galicia Confidencial, 27/01/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario