4/1/17

Galicia exporta 3D Un consorcio liderado por Aimen deseña un sistema para fabricar pezas 3D multimaterial para automoción e aeronáutica

"Un consorcio europeo liderado por Aimen Centro Tecnolóxico desenvolverá un sistema robotizado para fabricar compoñentes 3 D multimaterial avanzados --combinando metal e fibra de carbono--, que ofrecerá vantaxes en termos económicos e produtivos, e terá aplicacións nos sectores de automoción e a aeronáutica.
Baixo a denominación de 'ComMUnion', o proxecto conta cun orzamento de 5,9 millóns de euros e unha duración de tres anos e medio. Ademais de Aimen, no consorcio participan outros centros de investigación, empresas e universidades de España, Alemaña, Portugal, Grecia e Francia.
Segundo informou o centro tecnolóxico porriñés, os usuarios finais deste sistema, "orientado a avanzar de cara á fábrica do futuro", van ser "dous das empresas españolas máis representativas nos seus correspondentes sectores": Autotech Engineering AIE e Aciturri Engineering SL..
Os novos materiais avanzados desenvolvidos no marco deste proxecto prevese que incrementarán nun 30 por cento o rendemento mecánico dos compoñentes sen aumentar o custo; reducirán o peso de vehículos e aeronaves e, polo tanto, o consumo de combustible; e baixarán nun 20 por cento o consumo de materiais de alto custo e críticos.
En concreto, o novo sistema suporá o desenvolvemento dun proceso flexible de posicionamento de fitas completamente automatizado, máis rápido e eficaz; e un sistema intelixente de control para o autoaxuste automático dos distintos parámetros do proceso de unión dos materiais.
Así mesmo, permitirá fabricar xeometrías máis complexas, aplicar calor de forma homoxénea, e crear superficies funcionais para unións de alta resistencia. Ademais, o sistema contará cun mecanismo para controlar a calidade e detectar defectos."                   (Galicia Confidencial, 28/12/16)

No hay comentarios: